Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACONDICIONARÁ UNHA PARCELA MUNICIPAL PARA DOTAR AO PAZO DE QUINTÁNS DUN ESTACIONAMENTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo acondicionará unha parcela municipal anexa ao Pazo de Quintáns para dotar de zona de estacionamento ao emblemático espazo que se converterá tras a súa rehabilitación nun museo gastronómico e enológico. A leira ten unha superficie de 840 metros cadrados e ten capacidade para albergar 32 prazas de aparcadoiro, 31 para coches e unha para autobús.

A posta a punto deste aparcadoiro contemplará o desmonte do peche de pedra e a demolición do firme actual. Os traballos prevén a roza da parcela, unha soleira de formigón e a pintura das prazas de aparcadoiro. O Concello encargou un proxecto para dotar deste servizo ao Pazo de Quintáns aproveitando a parcela anexa ao inmoble.

O goberno tamén actuará no xardín da contorna do Pazo. Os labores consistirán na eliminación de maleza e plantas invasoras e trepadoras, así como na plantación de novas especies e a realización de podas de conservación. O proxecto contempla a recuperación e posta en valor da fonte de pedra, a mesa e bancos de pedra que se atopan no xardín.

Esta superficie de 10.000 metros cadrados dispón dun auténtico tesouro botánico con tanto valor como o propio edificio que o goberno local proponse recuperar a medio prazo cun ambicioso proxecto. Ademais de carballos, castiñeiros, enebros, loureiros, palmeiras, todo tipo de froiteiros e unha ampla variedade de arbustos e plantas, os xardíns contan con elementos arquitectónicos importantes, como unha fonte, un gran hórreo, bancos e un muro de pedra de tres metros de alto que rodea a leira e que divide o seu interior en varias zonas.

Para realzar máis a beleza do espazo, o goberno local quere que o xardín dispoña dunha iluminación propia que permita gozar dun paseo polo exterior do inmoble durante as horas de menos luz e mesmo gozar das vistas desde a emblemática galería do Pazo.

0
0
0
s2sdefault