Concello de Sanxenxo - CONCELLO E PORTOS ACORDAN HABILITAR COMO ESTACIONAMENTO UNHA ZONA DO VARADOIRO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A superficie reservada para aparcadoiro público será delimitada para non interferir na actividade portuaria e estará operativa o 9 de xullo

 

Sanxenxo, 1 de xullo de 2020 -. O Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia asinarán un convenio para habilitar como estacionamento público unha zona do varadoiro de Portonovo con capacidade para 80 vehículos. Como en veráns anteriores, a medida conta co acordo tanto da Confraría de Pescadores como do colectivo hostaleiro Can de San Roque e porase en marcha a partir do 9 de xullo.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo a mañá de onte un encontro de traballo co alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza. Tras o encontro visitaron o porto de Sanxenxo e o de Portonovo onde puideron analizar as distintas medidas e accións que levarán a cabo en breve, entre elas o convenio para ampliar o estacionamento na vila mariñeira.

A mellora do acceso á lonxa e ao porto de Portonovo será obxecto de estudo por parte de Portos de Galicia. O patrón maior, Juan José Bicada, pediu á presidenta do órgano autonómico que se tomen medidas para tratar de reducir a velocidade no acceso limitado con valo móbil despois de que se detectasen continuas roturas do elemento por parte dos vehículos que acceden á zona. Algúns deles fano cunha velocidade excesiva e levan o valo por diante coa consecuente avaría do sistema.

Durante a visita á vila mariñeira, o alcalde mostrou "in situ" a localización da illa de colectores soterrados que está prevista que se instale dentro da zona portuaria e que substituirán os actuais colectores. A instalación levará a cabo nos próximos días e serán o mesmo modelo que o do porto deportivo de Sanxenxo para evitar os malos cheiros e as pragas.

Lenguas mantivo un encontro informal co patrón maior de Sanxenxo, Sauro Martínez, durante a súa visita á zona portuaria na que lle expuxo as necesidades para a actividade. Neste espazo, o alcalde Telmo Martín pediu á presidenta de Portos a demolición da rampla da praia de Dos Barcos, un acceso que na actualidade non se utiliza e que serviría para gañar maior espazo para o areal urbano. O Concello de Sanxenxo solicitará un proxecto para executar a derriba e dar maior amplitude ao areal.

0
0
0
s2sdefault