Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 63 PROPOSTAS COMPITEN NO CONCURSO DE IDEAS PARA O DESEÑO DO FUTURO MERCADO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Catro das ofertas quedaron excluídas, tres por revelar a súa identidade e unha por presentala fóra de prazo

O deseño do futuro mercado de abastos de Sanxenxo sairá dunha das 63 propostas presentadas ao concurso de ideas convocado polo Concello de Sanxenxo en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). En total, ao consistorio chegaron 67 ofertas, pero catro delas quedaron excluídas, tres por revelar a identidade do autor e unha por presentala fóra de prazo. O proxecto contempla a construción dun edificio de cinco plantas e dous sotos. Recolle tamén o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes para o que se prevé un orzamento de 4.512.329 euros.

O alcalde, Telmo Martín, destaca a resposta e o interese espertado pola obra por estudos de arquitectura de distintos puntos de España. "Estamos moi satisfeitos co número de ofertas presentadas e porque estamos vendo que o interese polas obras de Sanxenxo é crecente", asegura. Cabe lembrar que ao último concurso de ideas convocado no municipio para a reforma da zona portuaria de Sanxenxo, na que resultou gañadora "Batea en Terra", presentáronse 35 ofertas.

O seguinte paso agora é a conformación do xurado que estará presidido polo alcalde, Telmo Martín, e no que actuarán como vogais, a concelleira de Urbanismo de Sanxenxo, Flavia Besada; un arquitecto designado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia; un representante arquitecto designado polo Colexio de Arquitectos de Galicia; o arquitecto municipal e un arquitecto resultado da proposta dos propios concursantes. Ademais, un empregado público do Concello, nomeado polo goberno local, actuará como secretario, con voz, pero sen voto.

A Sala Nauta acollerá nos próximos días os paneis coas 63 propostas presentadas para a súa análise de forma exclusiva por parte dos membros do xurado. A maiores enviaráselles unha copia de todos os arquivos enviados polos concursantes, identificados cos lemas, para non identificar aos autores do proxecto. O primeiro premio está dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse até catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.

0
0
0
s2sdefault