O Concello reforzará o control policial nos espazos públicos para que se cumpran as medidas ditadas por Sanidade
A Consellería de Sanidade comunicou esta mañá ao alcalde, Telmo Martín, a entrada do municipio en restricións sanitarias a partir desta medianoite. Sanxenxo conta nestes momentos con 34 casos activos, dous menos que onte, pero o comité de expertos da Xunta ten en conta diversos factores e variables á hora de aplicar limitacións sanitarias.
"Sanxenxo ten 34 casos activos a día de hoxe. Non é unha cifra excesivamente alta, pero aínda así as autoridades sanitarias consideran convinte a aplicación de restricións. Estou seguro que estas medidas e a responsabilidade que demostrou Sanxenxo ata agora nos últimos meses permitirán reducir os casos de xeito significativo", asegura o alcalde, Telmo Martín.
Ao longo da tarde publicarase no DOG a orde coas restricións para Sanxenxo que serán similares ás que xa se aplicaron nos municipios veciños e que ten que ver, fundamentalmente, coa limitación de aforamentos. No caso da hostalaría, redúcese a capacidade no interior ao 50% e ao 75% nas terrazas e o horario de peche limítase á unha da madrugada. Os mercadillos de Vilalonga e Portonovo non poderán superar o 50% dos postos habituais, un aforamento que tamén deberán cumprir as prazas de abastos de Sanxenxo e Portonovo.
As bibliotecas non poderán superar o 50% da capacidade máxima permitida e as actividades en grupo serán dun máximo de 10 persoas a non ser que convivan. En canto á actividade comercial, non poderá superarse o 50% da capacidade establecida por local.
O goberno local reforzará o control e a vixilancia policial nos espazos públicos para garantir o cumprimento das medidas ditadas por Sanidade para restrinxir a expansión do virus.