Esta mañá arrinconu no Revel a obra de soterramento da liña de media tensión que sobrevoa todo o ámbito no que se sitúa o centro de saúde de Vilalonga, as dúas gardarías e o novo colexio.
A empresa adxudicataria, Elecnor, é a encargada da obra que conta cun prazo de execución de dous meses e un investimento de 46.790 euros. Os traballos centraranse no tendido baixo tubo da liña trifásica subterránea como paso previo ao proxecto de urbanización que sairá en breve a licitación despois que o pasado mes de setembro aprobásese en Pleno o estudo de detalle para o axuste de rasantes da urbanización no ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotacións na zona do Revel.
O goberno local xa ten listo o proxecto para executar a urbanización do Revel que está valorado en 1.259.495 euros. A obra, financiada a través do Plan Concellos 2020 e de fondos propios municipais, é unha prioridade para o goberno local, pois é clave para a recepción do colexio que se atopa en plena construción e servirá para vertebrar a maior bolsa de equipamento público coa que Sanxenxo conta na actualidade.
Os 73.164 metros cadrados do Revel distribúense en rede viaria, 10.022 metros cadrados; parcela do novo colexio,14.333 metros cadrados; espazo da gardaría, 4.560 metros cadrados; equipamento deportivo, 19.566 metros cadrados; zonas libres, 24.686 metros cadrados. A zona conta cun acceso que é insuficiente e por iso a rede viaria será mellorada cunha nova ordenación na que se contempla un viario principal e dous secundarios, así como o acondicionamento de aparcadoiros e espazos libres públicos, incluída a explanación e pavimentación da calzada. A obra contempla, ademais, a dotación da rede de abastecemento de auga, así como as instalacións de rega e os hidrantes contra incendios.