Concello de Sanxenxo - SANXENXO ALCANZA OS 17.731 HABITANTES, A CIFRA MÁIS ALTA NA HISTORIA DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo conta a día de hoxe con 17.731 habitantes, a cifra máis alta nos rexistros do padrón municipal e que supón un incremento de poboación de 323 habitantes respecto ao 31 de decembro de 2019. Un dato que facilitou o alcalde, Telmo Martín, durante o último Pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (Paces). "Trátase dunha moi boa noticia e o obxectivo agora está en alcanzar os 20.000 habitantes para cumprir cos requisitos que nos permitirían obter máis fondos económicos do goberno español. Alcanzar esa cifra é o único requisito que nos falta pois xa cumprimos o de prazas de aloxamento e de segundas residencias", indicou.
 
O incremento poboacional comezou a repuntar lixeiramente no mes de abril (26) e foi aumentando durante os meses de maio (70), xuño (91), xullo (73), agosto (64) e setembro (77) cunha vintena de altas de diferenza. O aumento máis significativo produciuse, con todo, durante este mes de novembro con 137 altas novas a día de onte coincidindo cos peches perimetrales postos en marcha por Sanidade para frear a pandemia. "O que está claro é que a pandemia obrigou a empadroarse a moita xente que vivindo en Sanxenxo estaba censada en concellos limítrofes e cos peches perimetrais tiveron que regularizar a súa situación", explica Martín.
 
Outro factor a ter en conta é o fluxo poboacional das segundas residencias. Sanxenxo conta con 11.106 vivendas deste tipo con propietarios procedentes de até 53 provincias españolas que este ano alargaron a súa estancia máis que outros anos, grazas á posibilidade que ofrece o teletraballo, en moitas dos casos. Ao principio do confinamento, segundo datos facilitados polo departamento municipal do Padrón, as novas altas procedían de concellos de Galicia e dos arredores, especialmente de Santiago. Durante o verán, as altas concentráronse nas rexións da meseta española. Mentres que en outubro e, especialmente novembro, os novos empadroamentos procedían de Pontevedra, Cambados, O Grove, Meaño, Poio e Santiago, especialmente. Sanxenxo tamén rexistrou baixas de empadroamentos neste último mes de concellos limítrofes.
 
0
0
0
s2sdefault