Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A URBANIZACIÓN DO REVEL POR 1,2 MILLÓNS DE EUROS E UN PRAZO DE EXECUCIÓN DE CATRO MESES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 Os traballos estarán concluídos antes do inicio do próximo curso escolar e a inauguración do novo centro educativo
 
A urbanización dunha das zonas do municipio con maior equipamento público, O Revel, sae a licitación por 1.262.025 euros e cun prazo de execución de catro meses. A obra estará concluída antes do inicio do próximo curso escolar e a inauguración do novo centro educativo situado na zona. O financiamento correrá a cargo do Plan Concellos (887.498,79 euros) e con fondos propios municipais (374.526,48 euros). A licitación chega despois dos traballos de soterramento das liñas de media tensión e da aprobación da adecuación das rasantes.
 
O proxecto de urbanización contempla catro viarios, con dous carrís de 3 metros, unha rotonda que axudará a aportar fluidez ao tráfico e a dotación de 84 prazas de estacionamento. As beirarrúas previstas terán unha anchura mínima de 2 metros e unha máxima de 4,5 metros. Trátase de vertebrar 73.164 metros cadrados que se distribúen en rede viaria (10.022 metros cadrados), parcela do novo colexio (14.333 metros cadrados), espazo da escola infantil (4.560 metros cadrados) e equipamento deportivo (19.566 metros cadrados). Outros 24.686 metros cadrados son zonas libres.
 
A obra contempla a mellora do saneamento, abastecemento e subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e iluminación pública, así como as infraestruturas telefónicas e de telecomunicacións
 
O proxecto conta cun apartado propio para o tratamento dos espazos libres e, en concreto, para a protección do regato, a flora e fauna existente na contorna. Así se recolle a limpeza da canle, preservando especies como os salgueiros e ameneiros, e a colocación de valos de madeira nalgúns tramos para delimitar de forma segura as zonas sensibles.
 
As melloras propostas no prego están valoradas en 121.926 euros e fan referencia ao embelecemento da contorna coa plantación de 111 árbores de distintas especies como arces, magnolios, acivros ou camelias, entre outras. Tamén se inclúe unha mellora da iluminación da zona verde con 16 novas luminarias e a plantación de céspede.
 
 
0
0
0
s2sdefault