O orzamento total da actuación ascende a 40.000 euros e, parte deste novo equipamento, financiarase cunha axuda do Agader de 23.944 euros
Sanxenxo contará cun novo parque biosaudable en Canelas que substituirá ao actual parque infantil situado na Rúa Calvario de Portonovo que se atopa moi deteriorado e co que se dará resposta á demanda do novo equipamento deportivo.
O novo espazo, de aproximadamente 364 metros cadrados, estará dotado con ata 11 elementos para a práctica de calistenia. O obxectivo é potenciar o exercicio físico entre a poboación adolescente e adulta. O parque contará cunha serie de módulos colocados de forma secuencial para que se vaia traballando os grupos musculares do tren superior e inferior e do tronco: Unha barra horizontal, tres barras paralelas, un banco de abdominais, dúas espalderas de distintas alturas e unha barra de dominadas.
Ademais, colocarase unha bicicleta estática, unha roda grande, unha cadeira de adestrador de pectorales, un aparello de esquí de fondo, un remo, un elemento de slalom, un aparello de xiro de cintura, uns patíns estáticos e unha cadeira con pedais. Na superficie combinarase o caucho e o céspede artificial.
O orzamento total da actuación ascende a 40.000 euros e, parte deste novo equipamento, financiarase cunha axuda do Agader de 23.944 euros.
A poucos metros deste espazo, este verán a Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Juan Deza, puxo en valor a fonte pública co arranxo das importantes perdas de auga que sufría e o axardinamento da mesma con 179 plantas de distinta variedade. A auga discorre agora por un regato de pedra rodeado de plantas e arbustos nun circuíto pechado e dimensionado para evitar un consumo innecesario de auga.