O investimento roldará os 100.000 euros e a empresa que execute os traballos deberá encargarse do mantemento polo menos durante un ano
A Concellería de Medio Ambiente conta cun minucioso estudo sobre o estado dos 25 parques infantís municipais distribuídos polas sete parroquias do municipio. O desgaste provocado polo paso do tempo e, nalgúns casos, o uso inapropiado destes espazos provocou que non se atopen nun estado óptimo para o seu goce.
Na parroquia de Dorrón actuarase no parque infantil e zona biosaludable de Areas; na parroquia de Bordóns, no parque infantil de Outeiro e parque biosaludable de O Sear; na parroquia de Padriñán, melloraranse os parques de Miraflores, Panadeira e Punta Vicaño. En Adina, actuarase nos parques de Baltar, Praza Pública, Espiñeiro, San Roque, Seame I, Seame II e o do campo de festas de Arra. En Noalla, os parques da igrexa de Aios, Soutullo, igrexa de Noalla e A Revolta. En Vilalonga, nos parques da praza de abastos, Arnosa, Salgueira, Praza Pública e capela de Gondar. En Nantes, mellorarase o parque de Contumil e o da igrexa.
Substitución de pezas de xogos, reparacións de elementos, eliminación de óxido ou renovación de valados e superficies son as necesidades máis recorrentes que presentan os parques do municipio. Unha posta a punto valorada en 100.000 euros que deberá incluír tamén tarefas de mantemento por parte da empresa que execute os traballos durante polo menos un ano.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, explica que "imos facer un importante investimento nas zonas de xogo e áreas de mantemento do municipio, pero é importante que por parte dos usuarios se faga un uso responsable das instalacións".
A Concellería de Medio Ambiente elabora os pregos para sacar a concurso os traballos e tarefas de posta a punto dos parques municipais.
O CONCELLO REALIZARÁ UNHA POSTA A PUNTO DOS 25 PARQUES INFANTÍS MUNICIPAIS

powered by social2s