Concello de Sanxenxo - O NOVO MERCADO DE SANXENXO IMPLANTARÁ UN MODELO DIFERENTE ÁS TRADICIONAIS BANCADAS DE VENDA DE PEIXE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os arquitectos do proxecto adaptarán os espazos ás necesidades expostas polos representantes dos praceiros
 
Co obxectivo de que os vendedores do mercado de abastos de Sanxenxo atópense cómodos e que o novo espazo responda as súas necesidades, o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, e a edil de Urbanismo, Flavia Besada, acompañados dos arquitectos do proxecto reuníronse cos representantes dos praceiros no salón de plenos do Concello para exporlles a distribución e zona que ocuparán dentro da nova praza nas dúas primeiras plantas do edificio.
 
Durante o encontro, os vendedores expuxeron a posibilidade do cambio de bancada tradicional de peixe por postos independentes que permitan de forma clara distinguir cada posto e certa liberdade na organización do produto. Unha formulación que os arquitectos do estudo Gemma Arquitectura comprometéronse a adaptar no seu proxecto, no que se prevían tres illas con bancadas corridas, e darlles a coñecer o resultado sobre plano a mediados do próximo mes de xaneiro. En canto á localización das cámaras frigoríficas e obradoiros, o proxecto contempla a concentración destas instalacións no fondo do mercado, pero accesibles e próximas aos postos, para gañar espazo nas propias casetas de venda. 
 
Mentres se ultiman os detalles do proxecto cos vendedores, as obras avanzan no novo local provisional da praza de abastos de Sanxenxo na Rúa Progreso que ocupaba o supermercado Eroski. A previsión é que os traballos estean rematados a mediados do próximo mes de xaneiro que será cando se trasladen os vendedores. Á beira do local hai un aparcadoiro con capacidade para medio centenar de vehículos, que se habilitará durante os días de mercado e en horario matinal só para clientes e servizo do mercado. Na actualidade, dispón de sete postos fixos e 60 bancadas.
 
O proxecto contempla o levantamento dun edificio sustentable e traslúcido cunha planta subterránea de aparcadoiro, con capacidade para 40 vehículos, frigorífico, ascensor e montacargas. Haberá seis plantas, a baixa e a primeira para o mercado e as catro restantes acollerán espazos comerciais, culturais e gastronómicos. Así mesmo, os servizos non só se centrarán na venda de alimentos, senón que tamén estará dotado dun espazo gastronómico, comercial e cultural. Ademais, unha vez iniciadas as obras, poderase circular pola avenida de Madrid en dirección Pontevedra ata a rotonda de confluencia coa rúa Progreso, evitando que os vehículos teñan que subir polas rúas Cesteiros e Constitución para acceder á Rúa Progreso. Tratarase, por tanto, dun cambio que se manterá unha vez construído o novo mercado e que será compatible co acceso ao seu parking subterráneo para os vehículos que procedan de Dorrón e Bordóns.
 
0
0
0
s2sdefault