Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACA A CONCURSO A XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA POR 2,6 MILLÓNS E UN PRAZO DE 4 ANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As instalacións teñen capacidade para 80 usuarios e, na actualidade, dan servizo a 48 familias

A empresa municipal Terra de Sanxenxo sacou a licitación esta mesma mañá a xestión do servizo municipal do Centro de Día "Virxe do Carme" por 2.601.190,44 euros (IVE incluído) e un período de 4 anos. O concurso implica cambios no contrato tanto no prazo que pasa de 42 a 48 meses como do valor, que se incrementa en case 500.000 euros. Na actualidade, as instalacións dan servizo a 48 familias, aínda que ten capacidade para 80 usuarios. O custo real dunha praza no centro de día é de 544 €. Pero a gran maioría de usuarios abona cantidades moi baixas: 8 familias non pagan nada; 5 familias entre 0 e 100 €;11 familias, entre 100 e 200 € e 7, entre 200 e 300 €.

O prego de condicións recolle que a adxudicataria do servizo deberá reforzar cun auxiliar de xeriatría máis o persoal actual formada por 1 traballador social, 1 directora supervisora, 1 educadora social, 1 terapeuta ocupacional, 1 fisioterapeuta, 6 auxiliares de xeriatría, 1 ATS, 3 monitores socioculturais, 1 cociñeiro, 2 limpadoras e 2 condutores

O obxectivo do servizo é prestar unha atención integral e plural, en xornada diúrna, a aquelas persoas maiores que, aínda faltos da súa independencia ou autonomía, manteñen un medio de vida familiar suficiente ou unha contorna social que lles serve de apoio e que non lles fai precisar o seu ingreso nun centro residencial. As actividades que desenvolvan ao longo do ano deberán ser recollidas pola empresa encargada do servizo nunha memoria anual de actividades que deberá presentar ao Concello de Sanxenxo, tal e como aparece no prego.

O horario de actividade será de luns a venres, desde as 9 horas ás 19:30 ao longo de todo o ano, excepto os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro que pechará ás 16 horas. O servizo de transporte comezará a ruta ás 8:00 (hora de saída do centro) e finalizará ás 20:30 (hora de chegada ao centro). O centro permanecerá pechado os sábados, domingos e festivos.

0
0
0
s2sdefault