Concello de Sanxenxo - TELMO MARTÍN DESTACA O "CARÁCTER HOSPITALARIO" E A "EXPERIENCIA" DE SANXENXO NA PRESENTACIÓN DO CAMPIONATO DO MUNDO DE VELA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde acompañado polo vicepresidente segundo do goberno visitou a caseta de Viaxes InterRías e CN Travel

Sanxenxo acollerá entre o 10 e 19 de xuño o Campionato do Mundo de Vela 6 Metros. Unha cita deportiva que mostrará Sanxenxo a 14 países diferentes e que se presentou esta mañá en Fitur no stand de Turismo de Galicia coa participación do alcalde, Telmo Martín; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Real Club Náutico, Pedro Campos.

O alcalde destacou "a experiencia" que tanto o Concello como o Real Club Náutico de Sanxenxo ten na celebración de grandes campionatos deportivos desde a Volvo Ocean Race en 2005. "Desde entón foron numerosas as probas de alto nivel que acolleu con gran éxito a Ría de Pontevedra tendo como base Sanxenxo. Unha das últimas, o pasado campionato europeo", incidiu.

Pero foi o "carácter hospitalario" do destino unido aos "mellores aliados posibles" como son o a paisaxe, a gastronomía e o patrimonio os que centraron o seu discurso. "En Sanxenxo non hai grandes cadeas hostaleiras, hai hoteis familiares que fan sentir como en casa aos visitantes. Levamos no noso ADN o carácter acolledor e hospitalario", asegurou para, a continuación, convidar a "reservar na súa axenda do 10 ao 19 de xuño para gozar do Campionato do Mundo de Vela de 6 metros e do noso precioso destino".

Preto de 50 embarcacións recalarán no porto de Sanxenxo con 14 bandeiras diferentes. O presidente do Real Club Náutico sinalou que "o Xacobeo 6mR Worlds volverá ter como un dos seus obxectivos principais a desestacionalización de Sanxenxo e a intención da organización é contar cun aumento na participación do 30%, mantendo a calidade coa que xa contou o Europeo". E é que a cita prevé contar con frota americana, canadense e alemá que en anteriores probas non puideron participar polas restricións sanitarias.

Pola súa banda, o vicepresidente mostrouse convencido de que "será todo un éxito" para Galicia. "Este proxecto, que comezou en 2020 nun momento moi difícil pola pandemia, xa demostrou que podía celebrar un evento con todas as garantías como foi en primeiro lugar o Campionato de España e posteriormente o Europeo en 2021, polo que non hai dúbida de que o Mundial será de novo todo un éxito para Galicia".

Visitas aos stands de Viaxes Interrías e CN Travel
O alcalde e o vicepresidente primeiro de Galicia visitaron durante esta mañá os stands de Viaxes Interrías e CN Travel. Ambas as empresas convertéronse nun exemplo de éxito e bo facer no sector turístico de Sanxenxo pola súa oferta e trato co cliente. "É un orgullo contar en Sanxenxo con empresas líderes no mercado e referentes a nivel nacional", asegurou o alcalde. Durante a xornada, o alcalde tivo tamén ocasión de estar coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

0
0
0
s2sdefault