Concello de Sanxenxo - "SANXENXO DEGUSTA TAPAS" COMEZA ESTE VENRES EN 21 LOCAIS E CON 31 PROPOSTAS GASTRONÓMICAS DIFERENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 21 establecementos de hostalaría mostrarán a partir deste venres a súa habilidade na cociña con 31 propostas gastronómicas diferentes e de gran calidade coas que tratarán de sorprender aos seus clientes no marco do concurso "Sanxenxo Degusta Tapas". O prezo de cada tapa será de 2,50 euros.

Algúns dos locais participantes neste concurso asistiron esta mañá á presentación da duodécima edición de "Sanxenxo Degusta Tapas" celebrada na Sala Nauta. A alcaldesa en funcións, María Deza, destacou que se trata dunha cita "plenamente consolidada no calendario de actividades do municipio que serve para poñer en valor a creatividade gastronómica con propostas de calidade e cheas de inxenio".

Os establecementos que participarán con tapas creativas e tradicionais son: A Codia, Arrocería Boca do Río, Asador Aserradero, Cervecería Azor, El Puerto Cervecería, Gabbá, Gastro Bar La Cueva, Galerna Hostal, La Jugosa Burguer Bar, La Portonovesa, Lilaina, Mar do Pintor, Mesón Fontán, O Forno, Pepa A Loba, Restaurante Fidel, Restaurante O Pescador, Restaurante Xerfa, Taberna A Batea, Tapería Tenazas e Terraza del Mar. Cada local establecerá un horario de mañá e tarde para as degustacións das tapas ata o 19 de xuño.

Os clientes disporán dun "Degusta Mapa" coa localización de todos os establecementos para facilitar ao público a listaxe de locais participantes.Todos os establecementos hostaleiros adheridos a esta edición participarán nun concurso onde o público elixirá a mellor tapa creativa e a mellor tapa tradicional. Tan só aquelas persoas que proben tapas, en polo menos 5 locais, poderán votar a mellor tapa e o que obteña mellor puntuación será o local gañador que recibirá o diploma certificativo.

Entre os clientes realizaranse sorteos con distintos agasallos (estancias hoteis, visitas adegas ou ceas) que serán de maior valor canto maior sexa o consumo.

0
0
0
s2sdefault