Concello de Sanxenxo - O PASEO DE SILGAR ACOLLE UNHA MOSTRA DE 8 MURAIS DE AZULEXOS CON 16 RECREACIÓNS DO MAR E A COSTA DA MORTE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Museo Lar trae a Sanxenxo a exposición das obras da novena edición do Concurso de Murais con Azulexo

Oito murais de azulexos con 16 recreacións do mar, naufraxio ocorridos na Costa da Morte móstranse desde hoxe no Paseo de Silgar. A exposición itinerante foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Cultura, Paz Lago, e o fundador da Obra Social Suministros Lar, Gonzalo Rodríguez, na contorna do Círculo dos Desexos.
As obras que teñen forma de proa de barco están construídas con restos de azulexos por alumnos de institutos e persoas con capacidades diferentes adscritas a distintas asociacións. A exposición xorde do concurso Murais de Azulexo convocado pola empresa Lar como forma de contribuír coa arte e coa cultura, pero tamén co medio ambiente. E é que para realizar este traballo non se consome ningún tipo de enerxía e os materiais son restos de azulexos que se reciclan en cada obra. Esta é a novena edición do concurso que cada ano ten unha temática diferente con pezas, resistentes á intemperie, e cun peso de 1.000 quilos aproximadamente por cada peza.
A exposición é froito dun importante traballo de investigación sobre historia. A empresa facilítalles o material para a obra na que traballan durante todo o curso escolar. Os participantes aprenden a realizar un proxecto integral pasando por todas as fases, tendo que achegar documentación técnica, materiais, planos, descrición, fotografías...
O obxectivo é un encontro entre arte, cultura e historia como forma alternativa ao museo tradicional chegando ao público de forma itinerante en espazos concorridos. Cada peza ten un código QR onde se pode consultar o proxecto e o proceso de traballo.
Nesta novena edición rexistráronse 255 participantes. A Asociación APEM coa reprodución da corveta francesa La Bayonnaise foi a gañadora do concurso. O navío francés foi embarrancado en augas de Fisterra o 28 de novembro de 1803 polos seus 250 tripulantes cando era perseguido polo británico Ardent.
En segundo lugar, clasificouse o instituto Isidro Parga Pondal, de Carballo, cunha reprodución do Ambaca, un navío portugués, o primeiro do país veciño que tivo luz eléctrica, que o 23 de decembro de 1917 foise ao fondo preto de Cabo Touriñán. O terceiro posto foi para o Fernando Branco, de Cee, polo seu traballo sobre o Serpent, e accésit para o Manuela Rial por unha copia do San Jerónimo. Todos eles pódense ver desde hoxe no Paseo de Silgar.

0
0
0
s2sdefault