Concello de Sanxenxo - OS ESTUDOS DE SEGUIMENTO DA REXENERACIÓN DA CARABUXEIRA CONCLÚEN QUE O ÁRIDO SE FIXOU NO AREAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A batimetría e o estudo topográfico realizados antes e despois dos traballos determinan que se desprazaron 1.450 metros cúbicos cara ao oeste da praia

Os case 10.000 metros cúbicos de area depositados na primavera de 2021 na praia da Carabuxeira lograron fixarse na praia. Así o conclúen os estudos de batimetría e topografía realizados no areal antes e despois da actuación. Os resultados foron dados a coñecer esta semana durante unha comisión de seguimento na que estiveron representados Nauta, Costas e Portos de Galicia.


As mareas do inverno distribuíron a area de forma diferente á depositada inicialmente polas máquinas deixando algunhas zonas con menos volume de area. "Durante o inverno 2021-2022 desprazáronse uns 1.450 m3 da zona central da praia da Carabuxeira cara a parte oeste. Isto prodúcese debido a que a escasa entidade de area na praia permite que as fortes ondadas de temporais pasen por encima do dique, movendo os sedimentos cara á parte do regacho", segundo figura no informe.
O pasado mes elevouse o perfil da praia con 2.100 m3 de area e rexenerouse, por primeira vez, Lavapanos con 2.300 m3. Uns traballos que foron sufragados pola empresa municipal Nauta Sanxenxo e que tiveron un custo de 50.000 euros. Esta actuación, xunto á primeira que incluíron os diques geotextiles suman xa un investimento total de 173.000 euros.


Conscientes de que a medida segue sendo provisional porque as mareas volverán desprazar o árido, a comisión continúa facendo seguimento da tramitación a fase final do proxecto de rexeneración definitivo dos areais da Carabuxeira e Lavapanos, que contempla a construción dun espigón de rampla en sentido perpendicular ao litoral e que se executará unindo as rocas existentes, con case 100 metros de longo por 2,34 de ancho. O futuro espigón será a solución definitiva para evitar a perda de area nestas praias.

0
0
0
s2sdefault