Concello de Sanxenxo - A RUTA QUETZAL RECALA EN SANXENXO CON 156 MOZOS ESPAÑOIS DAS 17 COMUNIDADES E DAS 2 CIDADES AUTÓNOMAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Xuventude, Daniel Arosa, mantiveron un encontro cos participantes da expedición no parque de Punta Vicaño

A Ruta Quetzal recalou esta mañá en Sanxenxo con 156 mozos españois das 17 comunidades e das dúas cidades autónomas. Chegados directamente desde as Illas Cíes, os participantes dirixidos polo director da expedición, Iñigo de la Cuadra, mantiveron un encontro no parque de Punta Vicaño co alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Xuventude, Daniel Arosa.
O rexedor faloulles do municipio e convidoulles a volver a Sanxenxo coas súas familias para gozar do destino turístico líder en pernoitas no norte de España. "Estamos encantados de que quixésedes vir visitarnos, sabemos dos vosos excelentes expedientes e da importancia cultural desta ruta. Espero que poidades gozar da nosa paisaxe e da nosa gastronomía nesta viaxe inesquecible", asegurou Martín.
A Ruta Quetzal en colaboración con Mar de Santiago e a Xunta de Galicia propoñen conmemorar o Ano Santo Xacobeo 2022, realizando a Expedición Translatio. Unha viaxe de estudos e aventura na que os mozos e mozas reviven a historia do Apóstolo Santiago percorrendo durante dez días os escenarios que foron testemuñas da súa última viaxe.
O Concello de Sanxenxo obsequiou aos mozos con material turístico e o alcalde recibiu unha placa de agradecemento e unhas botas da marca coas que a Ruta Quetzal realiza todas as expedicións.
De Punta Vicaño continuaron o seu periplo por Vilanova de Arousa para descubrir o ancestral oficio que levou a esta localidade a ser unha das principais produtoras de mexillón con selo DOP Mexillón de Galicia, visitando as súas bateas.
A Expedición Translatio culminará a súa viaxe asistindo á Misa do Peregrino no Altar Maior da catedral compostelá o vindeiro luns.

0
0
0
s2sdefault