Concello de Sanxenxo - NOALLA PREVÉ REPARTIR 23.000 OSTRAS NA VIXÉSIMO NOVENA EDICIÓN DA FESTA GASTRONÓMICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita que se presentou esta mañá na Casa Forestal das Canteiras terá lugar os días 12, 13 e 14 de agosto

Noalla recupera tras dous anos de pandemia a súa tradicional Festa da Ostra que cumpre nesta edición 29 anos. Os membros da Comisión de Festas de Virxe do Carme, con Roberto Garrido á cabeza, xunto á concelleira de Cultura, Paz Lago, e o concelleiro da parroquia, Daniel Arosa, presentaron esta mañá a cita na Casa Forestal das Canteiras cunha degustación dos produtos.

Para a ocasión instalarase os días 12, 13 e 14 de agosto unha carpa nas inmediacións do campo de fútbol lugar onde a partir das 11 da mañá poderanse degustar deliciosas ostras a un prezo de 10 euros a ducia. O viño elixido para a ocasión será un albariño de Ribadumia, Marqués de Abraldes cun prezo de 9 euros a botella. Os asistentes tamén poderán tomar outros deliciosos produtos como mexillóns, polbo, churrasco, empanada, arroz de marisco... Varios grupos musicais amenizarán a cita durante os días que dure a celebración.

A organización ten reservadas un total de 23.000 unidades de ostra na depuradora Daporta para garantir a subministración fresca do produto durante as tres xornadas. A cita que xa está plenamente consolidada no calendario festivo do municipio regresa cun gran respaldo, segundo destacou Garrido, e con "moita ilusión de poder levala a cabo un ano máis tras estes anos difíciles".

A cita concluirá, por primeira vez, cunha tirada de fogos artificiais para "poñer o broche de ouro e despedir o covid".

0
0
0
s2sdefault