Concello de Sanxenxo - CARABUXEIRA, SILGAR, BALTAR, CANELIÑAS E PUNTA VICAÑO SON OBXECTIVOS DO GRUPO DE VOLUNTARIOS "CENTINELAS DO MAR"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 15 mozos, de entre 18 e 27 anos, procedentes de distintos puntos de España, participan no campo de voluntariado ambiental

Carabuxeira, Silgar, Punta Vicaño, Baltar e Caneliñas son obxectivo estes días do grupo "Centinelas do Mar", un campo de voluntariado centrado no coidado ambiental, localización de residuos e recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e táboas de paddle surf.

A actividade enmárcase dentro dos campamentos que realiza a Xunta de Galicia a través da área de Xuventude, Participación e Voluntariado e que, por primeira vez, se realiza en Sanxenxo. En total son 15 mozos, de entre 18 e 27 anos, procedentes de distintos puntos de España, os que participan neste campo que deu comezo este sábado e estenderase ata o vindeiro martes, 16 de agosto.

O concelleiro de Deportes, Xuventude e Servizos Sociais, Daniel Arosa, recibiu aos mozos e monitores esta mañá na Casa de Don Fernando para darlles a benvida ao municipio, agradecerlles o seu labor e convidarlles a coñecer o concello.

O director do campo, Xabi López, sinalou que "tratarase de poñer en valor o patrimonio natural deste concello que xa é líder en bandeiras azuis e ten moito camiño andado". Realizaranse campañas de sensibilización e intervencións nas praias máis próximas ao pavillón de Baltar que é onde se están aloxando. "Faise nestas praias porque non queremos usar medios de transporte convencionais e son as que nos quedan máis preto para poder ir camiñando", explicou.

Entre as actividades máis rechamantes será a da inspección dos fondos mariños de Punta Vicaño a través dun dron acuático durante a tarde do mércores, entre as 16:30 e 19:30 horas. O dron permitirá coñecer o estado dos fondos e se é preciso actuar, colocaránselle uns brazos que posibilitará retirar residuos.

0
0
0
s2sdefault