Concello de Sanxenxo - A XIII XORNADAS DE SANXENXO NA HISTORIA RECOÑECEN O LABOR INVESTIGADOR E DOCUMENTALISTA DE VICTORIANO OTERO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita cultural dará comezo o vindeiro luns 29 e prolongarase ata o mércores 31 no Auditorio de Emilia Pardo Bazán

As Xornadas de Sanxenxo na Historia chegan á súa décimo terceira edición con tres xornadas de mesas redondas, coloquios e presentacións de distintos temas relacionados co patrimonio, natureza e historia do municipio. O alcalde, Telmo Martín, xunto aos directivos da Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo (Aelos), Ángeles Marcos Alonso, Rafael Fontoira e Marcelino Agís Villaverde, presentaron esta mañá o programa no Real Club Náutico de Sanxenxo.

As xornadas desenvolveranse os días 29, 30 e 31 de agosto no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. Nesta décimo terceira edición recoñecerase o labor investigador e divulgadora de Victoriano Otero que xa recibiu a Cebola de Ouro en 2016 por un papel moi activo na historia recente do Concello. Traballador municipal durante 54 anos, Otero foi o artífice da primeira campaña que potenciaba a imaxe turística da vila; encargado de pór en marcha o expediente que recuperou o escudo e instaurou a actual bandeira e traballou na celebración da Feira da Cebola. Grazas a esas achegas recibiu cinco "Votos de Gracia", distincións outorgadas polo Pleno da Corporación ou pola Comisión de Goberno, en recoñecemento a diferentes traballos e o Premio Aviador Piñeiro ao Mérito Histórico outorgado pola Asociación de Veciños de Adina en 2013.

As Xornadas de Sanxenxo na Historia darán comezo o vindeiro luns 29 cun acto inaugural ás 20 horas e unha mesa redonda sobre patrimonio "A igrexa de San Pedro de Vilalonga" que terá como relator Rafael Fontoira Surís. A continuación, realizarase outra sobre patrimonio civil "Historia e xenealoxía da casa-coto de San Xoán de Dorrón" con Joaquín Méndez como relator. A directiva de Aelos, Ángeles Marcos, será a encargada de presidir e moderar o coloquio.

O martes, 30 de agosto, a xornada dará comezo ás 19 horas coa presentación "Un Camiño de Lenda" de Rafael Fontoira e "Catro mulleres de palabra" coordinado por Marcelino Agís no que se abordan as figuras de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Sofía Casanova e Emilia Pardo Bazán. Ás 20 horas, celebrarase unha mesa redonda con Isidoro Sabell como relato de "As antigas casas e familias da primeira liña de Silgar". Victoriano Otero participará nesta xornada con "Realizacións do alcalde de Sanxenxo, Ramón Orge Pérez". Presidirá e moderará a directiva de Aelos, Carmen Outón Rea.

As xornadas concluirán o mércores cunha mesa redonda dedicada á natureza cunha mesa redonda "A outra paisaxe de Sanxenxo: Os fondos mariños" con Pedro Alonso Seaone e "Especies cinexéticas no Salnés" con Francisco Chan Méndez, presidente da Asociación de Clubs de Casa Maior de Galicia. Presidirá e moderará Paz Lago, concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo. Tras o coloquio, realizarase a entrega do premio de Sanxenxo na Historia.

0
0
0
s2sdefault