Concello de Sanxenxo - SANXENXO DÁ LUZ VERDE Á APROBACIÓN INICIAL DO DESENVOLVEMENTO DO PEI 17 EN PLENO CENTRO URBANO DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O documento permanecerá a exposición pública durante o prazo de 2 meses e contempla 50 vivendas para xoves

Sanxenxo avanza no plan especial de reforma interior do PEI 17, situado na parroquia de Padriñán, na zona posterior ao Novo Templo. O desenvolvemento deste ámbito reactivouse, tras quedar paralizado en 2006, a finais do ano pasado con parte do acordo xa executado e coa firma da novación do contrato de compravenda das 3 parcelas ao Arcebispado. En total trátanse de 3 terreos de 2.144 m2, 280 m2 e 4.168 m2.

O Concello deu esta mesma semana en xunta de goberno luz verde á aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior do PEI-17 despois de que o documento pasase o trámite de avaliación ambiental estratéxica. O plan especial do ámbito contempla 50 vivendas para xoves, 1.566 m2 de zonas libres verdes públicas, un novo viario de 1.858 m2, 31 prazas de aparcadoiro públicas e 50 árbores. No documento estímase que o custo total da urbanización roldaría os 500.000 euros.

O PEI 17 enmárcase dentro dunha zona con outros dous ámbitos, o PEI 16 e o PEI 15, que cando inicien o seu desenvolvemento permitirá vertebrar toda a zona cun novo viario que comunicará Progreso coa Rúa dos Poetas Galegos, tal e como xa está previsto xa na PXOM.

A este plan especial deberá seguir o proxecto de equidistribución, urbanización e, finalmente, a urbanización material do ámbito. Tras toda esta tramitación, deberase decidir que sexa o Concello o que promova as vivendas para xoves ou se encargue a Xunta de Galicia. En todo caso, o obxectivo do goberno é sumar ás VPO que xa existen no municipio, en Baltar e en Progreso, esta nova bolsa que podería acoller ata 50 vivendas para xoves.

O Plan Especial de Reforma Interior do PEI 17 estará a exposición pública durante dous meses.

0
0
0
s2sdefault