Concello de Sanxenxo - O ORGANISMO AUTÓNOMO TERRA DE SANXENXO LICITA O ALUGUER DUN LOCAL PARA O CLUB DE XUBILADOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O arrendamento exponse por un ano con posibilidade de tres prórrogas e cun prezo máximo de 1.331 euros (IVE incluído)

O organismo autónomo municipal Terra de Sanxenxo acaba de licitar o aluguer dun local por un ano para o desenvolvemento das actividades do Club de Xubilados de Sanxenxo dentro dos servizos sociais á terceira idade. O arrendamento licítase por un ano e o local deberá contar cunha serie de características. Así, é preciso que as instalacións estean situadas no núcleo urbano do centro de Sanxenxo, de fácil acceso rodado e peonil, e que conte cunha superficie aproximada de 200 m2. Ademais, deberá estar situado preferiblemente nunha planta baixa, debe ser o máis diáfano posible e contar con dous baños.

O local deberá estar dotado dos servizos de electricidade, iluminación, ventilación, fontanaría e saneamento, así como de mobiliario. Deberá contar con polo menos 15 mesas e 60 cadeiras. O importe máximo de aluguer será de 1.331 euros (IVE incluído) e a duración será dun ano coa posibilidade de prórrogas cunha duración máxima de 4 anos.

O Concello de Sanxenxo co obxectivo de unificar no mesmo espazo aos clubs de xubilados de Portonovo e de Sanxenxo e favorecer a interacción social e a colaboración de actividades remitiu o pasado mes de xullo unha solicitude ao Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migración e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social para solicitar a cesión de espazo das actuais dependencias destinadas a Capitanía Marítima e Instituto Social de Mariña. Un edificio de dúas plantas, de 343 metros cadrados, que comunica coa actual sede do Club de Xubilados de Portonovo, de 375 metros cadrados.
Polo momento, o ISM xa se puxo en contacto co Concello para abordar unha posible cesión do espazo en resposta á solicitude municipal. A negociación inclúe tamén a Capitanía Marítima que, ata agora, non se manifestou.

0
0
0
s2sdefault