Concello de Sanxenxo - SANXENXO REXISTROU EN OUTUBRO 66.912 PERNOITAS HOSTALEIRAS, UN 2,5% MÁIS QUE EN 2019
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo logrou en outubro recuperar as cifras de pernoitas hostaleiras de antes da pandemia e mesmo incrementalas lixeiramente respecto de 2019. A pesar da contención do gasto, as cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) revelan que o municipio rexistrou en outubro 66.912 pernoitas en hoteis, un 2,5% máis que en 2019.

En canto ao grao de ocupación das prazas, o INE cífrao nun 65,25% durante a fin de semana e nun 56,15% durante a semana. A Festa do Marisco do Grove e os eventos deportivos como o Mundial de Loita celebrado en Pontevedra ou o vixésimo ITF World Tennis Tour Juniors, a UEFA Regions' Cup, o Ciclocrós Internacional Con da Romaíña celebrados en Sanxenxo contribuíron ao tirón que, a pesar de ser tempada baixa, segue tendo o municipio como destino vacacional.

Cabe destacar que as pernoitas hostaleiras en Sanxenxo son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos. Neste sentido, as 11.054 segundas residencias, as 2.423 vivendas turísticas e os 12 cámpings alcanzan 82.000 prazas de aloxamentos que sumar ás hostaleiras.

Durante o mes de outubro, o INE estima a contratación de 601 persoas en hoteis. A orixe dos visitantes é maioritariamente do territorio nacional, 19.107, fronte aos 3.107 estranxeiros.

Oficinas de turismo
O Concello mantivo, por primeira vez, a oficina turística de Portonovo durante todo o mes de outubro aberta xunto á do porto deportivo de Sanxenxo. Por ambos os puntos pasaron 364 persoas, 252, por Portonovo e 112, por Sanxenxo.
A porcentaxe de visitantes que viñeron por primeira vez a Sanxenxo é un 68,57% e o 31,43% restante xa coñecía o municipio. En canto á orixe, do territorio nacional destaca Castela e León (16,21%), Galicia (14,56%) e Madrid (13,46%) mentres que de fóra de España destacan Portugal, Arxentina, Francia e Alemaña.

0
0
0
s2sdefault