Concello de Sanxenxo - MÚSICA, ZONA GLITTER E ANIMACIÓN PARA O ACESO DO ALUMEADO DE NADAL EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Praza de Pascual Veiga concentrará este sábado, a partir das 18 horas, a actividade organizada por Entretendas

Sanxenxo dará o pistoletazo da campaña do Nadal este sábado na Praza de Pascual Veiga a partir das 18 horas. Un ano máis, a asociación Entretendas Centro Comercial Urbano en colaboración co Concello encargarase de converter o acto oficial do aceso nunha auténtica festa na que non faltará a música de Javi Solla, unha zona glitter e animación para os asistentes. Ademais, repartiranse 350 paus de espuma luminosos led e realizaranse sorteos.

O alumeado de Nada,l co que se busca dinamizar a economía local e xerar un ambiente festivo nas rúas permanecerá acendido ata o 8 de xaneiro, desde as 18:30 horas ata a unha da madrugada. Co aceso dará comezo un amplo programa de actividades que terá como obxectivo espremer ao máximo o ambiente festivo nas rúas, prazas e lugares públicos do municipio, nunha época que está chamada a converterse na terceira tempada turística do ano.

En total colocaranse 406 elementos decorativos led que se estenderán por 55.886 metros cadrados do municipio. Un ano máis, o Concello aposta por levar a decoración do Nadal as sete parroquias en forma de recunchos ou espazos que convidarán a inmortalizar a visita cunha fotografía. A empresa Creacións Luminosas encargarase da iluminación despois de que resultase o ano pasado a adxudicataria do servizo durante dous anos por 235.958 euros.

A actividade continuará a fin de semana na Praza dos Barcos. O 4 de decembro realizarase unha Procura do Tesouro, unha actividade pensada para nenos e nenas, de 5 a 12 anos, entre as 11 e as 14 horas. Pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase Un conto de Nadal, un espectáculo musical-familiar coa Oca Band, no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta.

0
0
0
s2sdefault