Concello de Sanxenxo - ESCOLARES DO CEIP DE PORTONOVO, O CRUCEIRO E NANTES REFORZAN CON 90 ÁRBORES O PULMÓN VERDE DO REVEL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e a concelleira de Educación, Paz Lago, asistiron á plantación das distintas especies cedidas pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Un total de 90 exemplares de distintas especies desde carballos ata árbores de seda, chopo negro, ciprés, palmeira canaria, árbore do paraugas, árbore de lume, camelios, piñeiros... reforzan desde hoxe o espazo verde do Revel onde se atopa a maior zona de equipamento da parroquia. Escolares de distintos cursos dos colexios de Portonovo, O Cruceiro e Nantes participaron na plantación que realizaron por parellas e seguindo instrucións da técnica de medio ambiente. Previamente, persoal de Medio Ambiente xa cavara o foxo e colocara cada árbore no punto correspondente para facilitar a tarefa aos escolares que executaron con pas facilitadas pola Concellaría de Medio Ambiente.

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e a edil de Educación, Paz Lago, colaboraron na actividade de educación ambiental que se desenvolveu na zona verde que se atopa na parte baixa enfronte do colexio. Cada árbore levará ademais un código QR no que se identifica e achéganse datos das distintas especies.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro doou as 90 árbores procedentes do viveiro de plantas do que dispón para os estudos dos ciclos fenolóxicos dos cultivos e dos ciclos biolóxicos dos patóxenos e as pragas. Como resultado da propagación e do mantemento das plantas, prodúcese anualmente un excedente de exemplares que, para non ser destruídos, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos e, deste xeito, enriquecer o patrimonio vexetal cos consecuentes beneficios para a cidadanía e o medioambiente. Ao ser plantas de orixe coñecida e identificadas, a súa dispoñibilidade nos concellos mellora e incrementa o valor didáctico dos xardíns e permite realizar actividades relacionadas co medioambiente e a natureza.

0
0
0
s2sdefault