Concello de Sanxenxo - A CARABUXEIRA E LAVAPANOS RECUPERAN O SEU PERFIL CON 4.000 M3 DE AREA NA ZONA SECA DE AMBAS AS PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos concluíron o sábado coas últimas redistribucións de árido

As praias da Carabuxeira e Lavapanos recuperan o seu perfil con 4.000 m3 de area na zona seca de ambas as praias. A empresa Marcor Xove encargouse dos traballos de redistribución da area aproveitando as mareas máis baixas permitindo así contar cunha zona seca de disfrute de maior calidade e tamaño. A actuación finánciase desde Nauta Sanxenxo e ten un custo de 43.469 euros.

Os tubos xeotextiles que están a funcionar como dique provisional permitiron que o árido non se vaia mar dentro e se deposite nas inmediacións da praia o que facilita os traballos de reposición da area para desfrutar de ambas as praias. No caso da praia de Lavapanos recoméndase non pisar o árido nos próximos días para facilitar o seu endurecemento xa que foi a última praia na que se actuou o sábado pola mañá.

Trátase da segunda actuación de reposición de area que se acomete en ambos os areais, despois de que o pasado xuño de 2022, xusto un ano despois da reapertura, se acometese a primeira delas. Cabe lembrar que estas actuacións están previstas ata que se poida desenvolver o proxecto definitivo para recuperar os dous areais, que inclúe a achega de 17.000 m3 de árido e a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito.

O seu trazado permitirá unir as rocas existentes na zona para minorar ao máximo o seu impacto, polo que se prevé un ancho do espigón de 2,24 metros e unha lonxitude de case 100 metros. Unha vez que se coloque o dique, retiraranse os tubos geotextiles que se colocaron na fase provisional do proxecto e reporanse 27.000 m3 de area, dos que se achegaron xa 10.000.

0
0
0
s2sdefault