Concello de Sanxenxo - PORTONOVO ARROUPA A CARMEN UHÍA MARTÍNEZ NUNHA EMOTIVA ENTREGA DA RAIA DE OURO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Decenas de veciños e amigos abarrotaron a Casa Mariñeira de Don Fernando para acompañar á homenaxeada

Entre aplausos e ao son dos Gatiños de Portonovo entrou este mediodía Carmen Uhía Martínez na casa de Don Fernando para recibir a Raia de Ouro. Visiblemente emocionada partiu da lonxa portonovesa do brazo do alcalde, Telmo Martín, e coa comitiva formada por autoridades e familiares que a acompañaron ata a casa mariñeira onde decenas de veciños a esperaban para mostrarlle o seu cariño. O actor Hugo Andrade presentou o acto no que tirou de humor e de retranca para reivindicar o carácter "jato".

O alcalde foi o encargado de colocarlle na solapa da blusa a flamante Raia de Ouro que a homenaxeada agradeceu a "todo o pobo de Portonovo e ao Concello porque sempre me levei ben coa xente e nunca fun orgullosa". Telmo Martín destacou que a entrega deste galardón supón "o broche de ouro" a dous días de intensa actividade na vila mariñeira. "Quero agradecerlle aos 22 locais de hostalería que apostaron por esta nova iniciativa "Portonovo Gastronómico. Festa da Raia" porque sen eles sería imposible facelo e creo que grazas a eles foi todo un éxito", dixo. O alcalde destacou o espírito traballador de Carmen Martínez que continuou coa súa actividade ata os 80 anos e suxeriu que a entrega da Raia de Ouro" se celebre sempre o 1 de maio".


Durante esta xornada tamén se sortearon 24 estancias en hoteis con spa de Sanxenxo entre os clientes que durante o domingo consumiron algunha das 44 tapas nos 22 locais participantes.

0
0
0
s2sdefault