Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROXECTA A RECUPERACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA DO MIRADOIRO DA PEIXEIRA E A MELLORA DA CONEXIÓN CO CAMPO DE SAN ROQUE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación valorada en case un millón de euros opta aos fondos do programa da Deputación de Pontevedra PON 2023

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos do proxecto que o Concello de Sanxenxo acaba de presentar ao Programa PON 2023. A actuación valorada en 990.537 euros opta a obter o 80% dos fondos do organismo provincial e o 20%, das arcas municipais.

A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe, converténdose nun espazo revalorizado de convivencia e socialización de forma integral, un novo eixo de actividade do núcleo. O proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

O protagonismo do espazo será do peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de calmado de tráfico, colocando badéns na entrada e saída da zona. O fluxo peonil reconfigurarase en toda a praza, con espazos máis amplos, libres de obstáculos, fomentando unha mobilidade sustentable e agradable, que recupera a esencia da mobilidade do núcleo tradicional de Portonovo. No viario da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais, polo que se opta por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar a fronte costeira e, en consecuencia, de mellorar paisaxísticamente e funcionalmente a conexión do núcleo co mar. Para iso, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previa, incluiranse especies arbóreas autóctonas (piñeiro atlántico) e reutilizaranse os materiais de demolición para o seu emprego en distintos elementos do mobiliario e percorridos, como mortos, bancos/gradues intermedios de descanso e pavimentación. En canto á iluminación actual substitúese por outro cunha proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón xerados.

0
0
0
s2sdefault