O Concello xa conta cunha proposta de adxudicación para o asfaltado dos 16 viarios nas sete parroquias
A obra do Camiño da Fontiña en Bordóns comezou esta semana cos traballos de demolición da vella pavimentación e co recoñecemento dos servizos de subministración e saneamento existentes para proceder á súa renovación. A adxudicataria dos traballos é E.C.Casas executará os traballos por 69.210 euros e un prazo de mes e medio. A actuación céntrase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón, que se atopa en avanzado estado de deterioración, e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.
A superficie de actuación para pavimentar é de 565,48 m2 e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as baixantes existentes das vivendas. Ademais, colocaranse canaletas con reixa de fundición para eliminar a auga superficial do camiño, así como as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.
Tras os traballos deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o viario ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto. O estreito ramal da marxe esquerda pavimentarase cun formigón coloreado. A obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O prazo de garantía das obras é de 12 meses.
Doutra banda, o Concello xa conta cunha proposta de adxudicación para o asfaltado de 16 viarios nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúen a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintado. A empresa proposta, Movemento de Áridos e Construcións de Arosa, S.L. amplía o prazo de garantía da obra a 4 anos e reduce o importe a 862.095 euros. A previsión é que os traballos comecen nos próximos días.