Concello de Sanxenxo - O PRIORATO DE ARRA ÁBRESE COMO LOCAL SOCIAL CON SEDES PARA A ASOCIACIÓN CULTURAL SAN CAYETANO, A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E OS GATIÑOS DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 A concelleira de Cultura, Elena Torres, mantivo un encontro esta semana cos colectivos para poñer ao dispor o edificio 

O edificio do Priorato ábrese como local social en Arra para o uso dos colectivos municipais que o soliciten e con dúas sedes fixas, unha para a Asociación Cultural San Cayetano de Arra e a Asociación de Veciños de Arra, San Amaro e San Caetano e outra para Os Gatiños de Portonovo. Colectivos cunha longa traxectoria na súa actividade e cunha ampla programación ao longo do ano que poderán agora desenvolver nas instalacións.

A concelleira de Cultura, Elena Torres, acompañada do concelleiro, Juan Deza, mantivo un encontro esta semana coa Asociación Cultural San Cayetano de Arra, Os Gatiños de Portonovo, a Asociación de Veciños de Arra, San Amaro e San Caetano e a Comunidade de Montes de Arra para explicarlles o método de funcionamento e entregarlles unha copia do regulamento de uso dos locais sociais municipais.

O edificio conta, ademais, cun local de ensaio insonorizado dispoñible para os grupos de música locais que requiran dun equipo técnico básico para desenvolver a súa actividade, como é o caso dos de pop ou rock, así como para o uso individual de músicos en formación. Hai que ter en conta que Sanxenxo conta cun cada vez máis nutrido elenco de bandas locais e que a demanda dun local para poder ensaiar cos medios adecuados foi formulada por máis dunha decena de grupos. A sala conta cun completo equipamento, entre o que cabe destacar un piano dixital, amplificadores de guitarra e baixo, batería e sillín, caixas de inxección, unha mesa de son de 16 canles, sistema de gravación, dúas caixas de son con soportes, microfonía e auriculares, rack de madeira de 19” e micrófonos de ambiente.

O Priorato dispón tamén dunha ampla sala de usos múltiples que estará aberta a todos os colectivos municipais que a soliciten a través do rexistro municipal ou sede electrónica con polo menos cinco días de antelación. Este sábado haberá unha xornada de portas abertas, de 17 a 19 horas, para dar a coñecer as instalacións a todos os veciños e veciñas do municipio.

0
0
0
s2sdefault