Concello de Sanxenxo - SANXENXO FORTALÉCESE COMO DESTINO TURÍSTICO DE TEMPADA BAIXA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo sumou 621.391 pernoitas e 145.611 viaxeiros entre xaneiro e maio de 2023, segundo os datos do Big Data encargado pola Mancomunidade do Salnés
 
O informe que Orange realizou para a Mancomunidade do Salnés permite coñecer todos os viaxeiros que pernoitan en Sanxenxo nos distintos tipos de aloxamento (apartamentos, cámpings, vivendas turísticas, segundas residencias e hoteis) e non só os que se hospedan en hoteis como ata o de agora. O ano turístico divídese na tempada alta, de xuño a setembro, e a tempada baixa que abarca os oito meses que van de outubro a maio. Os datos da tempada alta e, o liderado de Sanxenxo nese período, son sobradamente coñecidos. Non ocorre o mesmo cos meses previos e posteriores ao verán. Segundo o informe Big Data de Orange entre xaneiro e maio Sanxenxo recibiu 145.611 viaxeiros que sumaron 621.391 pernoitas. O informe tamén permite saber que do total de viaxeiros 22.558 pernoitaron máis de 15 noites seguidas en Sanxenxo, é o caso dos que teñen aquí a súa segunda residencia ou alugaron unha vivenda turística.
Pero para coñecer o verdadeiro peso que a tempada baixa está a adquirir en Sanxenxo hai que esperar a coñecer os datos de outubro, novembro e decembro. En calquera caso, as cifras dos cinco primeiros meses da tempada baixa apuntan a un nivel de viaxeiros e pernoitas impensables hai uns anos. Outro dato relevante son as persoas que veñen a Sanxenxo a pasar parte do día (visitantes), pero que a diferenza dos turistas non pernoitan aquí. O informe do Big Data di que foron 628.034 entre xaneiro e maio de 2023. O bo facer e a profesionalización do sector turístico está a consolidar Sanxenxo como un destino os 365 días do ano, loxicamente nunca se poderán igualar as cifras do verán cando máis españois viaxan. Pola súa banda, o Concello, traballa desde hai anos na mellora das infraestruturas e servizos para seguir crecendo durante os meses da tempada baixa. Detrás do slogan “Sanxenxo 365 días diferentes” hai unha serie de proxectos imprescindibles para conseguilo: a modernización da rede de auga, saneamento e depuración (Acuaes e concesionaria), a mellora dos portos de Portonovo e Sanxenxo, o Centro Gastronómico Rías Baixas do Pazo de Quintáns, o novo mercado, a recuperación do litoral da ría de Arousa e as melloras previstas na contorna da Lanzada. En definitiva, actuacións orientadas nunha tripla dirección: gastronomía, paisaxe e patrimonio.
0
0
0
s2sdefault