Concello de Sanxenxo - O OBRADOIRO DE HOSTALARÍA DO SALNÉS CONQUISTA O PADAL CUN SHOWCOOKING CELEBRADO NO RECINTO DO ICE PARK
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O grupo local La Reina del Vudú amenizou a sesión vermú co seu repertorio musical

O equipo do Obradoiro de Hostalaría do Salnés trasladou esta mañá os seus fogóns ao recinto do Ice Park Sanxenxo para celebrar un Showcooking Cociña de Nadal co que deleitou coas súas propostas culinarias aos asistentes. Baixo a dirección de Carmen Germade, Paco Caneda e Pili Amoedo foron os encargados de guiar ao alumnado de cociña e sala para que os pratos chegasen aos comensais. O menú que resultou todo un éxito estivo composto por unha tosta de pisto caramelizado con ventresca e alioli, patacas chip con mexillóns e alioli de mebrillo, polbo con pataca confitada e queixo Arzúa Ulloa e charlota de turrón. Todos estes pratos estiveron maridados cun daiquiri de cervexa. Ademais, pensando nun público familiar, o Obradoiro organizou para os máis pequenos un taller de elaboración de galletas de Nadal.

Hai apenas un mes que os vinte alumnos e alumnas comezaron a recibir formación nas especialidades de Cociña e Restaurante-Bar desde as vertentes teórica e práctica durante doce meses. Como en anos anteriores, participan en xornadas de degustación de pratos típicos do Salnés, de promoción de hábitos alimenticios saudables nos centros de ensino, demostracións de cociña (showcookings) e preparan menús con carácter solidario nestas datas do Nadal para Cáritas. "Se cun mes xa fan isto, imaxinádevos cando rematen a formación", bromeou Caneda. As propostas gañáronse o aplauso do público que tomou boa nota das receitas e non dubidou en fotografíar os pratos.

Tras o showcooking, subiuse ao escenario o grupo local La Reina del Vudú que amenizaron a sesión vermú no recinto con temas xa coñecidos cos que fixeron bailar aos asistentes á degustación.

A programación do Nadal continúa esta tarde no Pazo Emilia Pardo Bazán con "Os Bolechas: Búscase", un espectáculo familiar, que terá lugar ás 17 horas. A entrada é gratuíta até completar aforamento. Para mañá, por motivos de saúde, tívose que aprazar o teatro infantil, Conto de Nadal, previsto no recinto do Ice Park e organizado por Saraiba de Mar. Mañá, ás 21 horas, a Casa de Cultura de Dorrón despedirá o ano vello por anticipado.

0
0
0
s2sdefault