A concelleira de Educación, Nati Parada, deulles a benvida e explicoulles o significado da bandeira do municipio
Sanxenxo, 19 de marzo de 2024.- O salón de plenos do Concello de Sanxenxo acolleu esta mañá a recepción de alumnos e profesores do IES Sanxenxo que participan nun intercambio cun centro educativo de Austria. A concelleira de Educación, Nati Parada, que estivo acompañada da edil de Cultura e Eventos, Elena Torres, encargouse de darlles a benvida ao municipio e explicarlles o significado da bandeira de Sanxenxo.
Na recepción participaron nove alumnos de Austria xunto a dous profesores do mesmo país e tamén docentes e alumnado do IES Sanxenxo que formaron parte do intercambio estudantil. "Somos un destino turístico elixido por moitas persoas. A nosa paisaxe, a nosa gastronomía e o noso clima fannos ser elixidos por miles de persoas cada ano para pasar as súas vacacións convidámosvos a coñecer este paraíso coas vosas familias", explicou Parada.
O Concello obsequiou aos alumnos con material turístico do municipio e como recordo para o centro educativo austríaco un cadro cunha fotografía desde Punta Cabicastro con Portonovo ao fondo. O alcalde, Telmo Martín, quixo tamén achegarse a saudalos e xuntos sacaron unha foto de familia como recordo da visita.