Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO E VIAXES INTERRÍAS FEMININO ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 30 de abril de 2024.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinou este luns un convenio de colaboración co presidente do Viaxes InterRías Feminino, Enrique Rodríguez Aguín, dotado con 35.000 euros polo papel como entidade deportiva embaixadora do municipio. "É unha honra para nós colaborar cun clube que está levando o nome de Sanxenxo por toda España e con moi bos resultados", asegura o alcalde.

O club naceu en 2015 como Portonovo SD Feminino e adoptou o nome actual, Viaxes InterRías Fútbol Feminino na tempada seguinte. Ese ano alcanzou o ascenso á categoría Primeira Galega e dúas tempadas despois, subiu a Primeira Nacional.

Coa reestruturación realizada pola Federación Española de Fútbol en 2020, a categoría na que xogaba o Viaxes InterRías FF, Primeira Nacional, quedou situada no cuarto chanzo do fútbol feminino español. Pero no curso 2021-2022 logrou o ascenso a Segunda RFEF, a categoría na que está a competir na actualidade.

O vindeiro domingo 5 de maio, ás 11 horas, no estadio Novo San Pedro de Vilalonga, o equipo xogará o partido máis importante da súa traxectoria, contra o Atlético Balears, xa que, se gana, estará no play-off de ascenso á Primeira RFEF, o segundo nivel do fútbol nacional.

O Viaxes InterRías FF conta hoxe con tres equipos e un total de 81 xogadoras. Ademais do primeiro equipo, que percorre toda a xeografía española coa marca Sanxenxo nas súas camisetas, na estrutura do club existen as Viaxes InterRías B (o mércores 1 de maio xogará a semifinal da Copa Rías Baixas contra o Valladares de Vigo) e o equipo cadete que compite na liga Galega.

"Queremos agradecer ao Concello de Sanxenxo o seu importante apoio, tanto institucional como económico, para contribuír á nosa boa marcha", sinala o presidente, Enrique Rodríguez Aguín.

0
0
0
s2sdefault