O alcalde, Telmo Martín, e o presidente do colectivo, Sergio Prol, rubricaron este venres o acordo
Sanxenxo, 3 de maio de 2024.- Portonovo recupera unha das súas citas emblemáticas do verán, a concentración de motos en Baltar. O alcalde, Telmo Martín, e o presidente do Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo, Sergio Prol, asinaron este venres un convenio de colaboración dotado con 30.000 euros. A cita que se celebrará os días 6, 7 e 8 de setembro volve con novas ideas na que xa será a súa 36 edición.
A directiva actual do Motoclub conta con persoas que levan xa moitos anos na organización deste tipo de eventos e coa incorporación de xente nova, con moitas ganas de traballar e colaborar para a mellora dunha cita que atrae ao municipio a miles de persoas. Segundo a propia organización é a concentración de motos con máis edicións de Galicia. Ademais, o Motoclub traballa noutros eventos e actividades que se desenvolverán ao longo do ano e que serán presentados proximamente.
O alcalde, Telmo Martín, que estivo acompañado do concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, felicitou ao presidente e aos dous membros da directiva que lle acompañaron por retomar un evento deportivo de gran repercusión económica para o municipio. "Estou seguro que será unha vez máis un éxito e que haberá novidades importantes que farán que se enriqueza o evento", asegurou.
Cabe lembrar que o Motoclub, Amigos da Moto de Sanxenxo, foi fundado en 1986 por dous veciños moteiros que asistiran a outras concentracións e decidiron exportar a idea ao seu municipio. Nesa primeira edición inscribíronse uns 300 motoristas de toda España, nas últimas celebradas a organización limitou as inscricións para poder garantir a seguridade da cita chegando a 15.000 motos. E é precisamente a seguridade da cita unha das claves do éxito do evento.
O CONCELLO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO MOTOCLUB AMIGOS DA MOTO DE SANXENXO

powered by social2s