Concello de Sanxenxo - O ALCALDE VISITA O INICIO DAS OBRAS DA SEGUNDA FASE DE REHABILITACIÓN DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
A empresa adxudicataria xa acondicionou o terreo e realizou as escavacións para os cimentos da nova edificación
 
Sanxenxo, 7 de agosto de 2024.- O alcalde, Telmo Martín, acompañado do director de obra e redactor do proxecto, Carlos Berride, visitou esta mañá o inicio da segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns, un edificio declarado BIC en 2017. A empresa adxudicataria, que executará os traballos por 770.000 euros nun prazo de seis meses, xa comezou coas escavacións para os cimentos da nova edificación que albergará unha das finccas do recinto. "Esperamos poder ter xa lista esta segunda fase a finais de ano para  poder poñer en marcha o futuro Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas", asegurou Martín.
 
A principal actuación que se recolle nesta segunda fase é a creación dun espazo multifuncional de eventos que permita acoller pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé. O seu deseño, en pedra, madeira e vidro principalmente, permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre. Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza. 
 
Ademais, habilitarase un aparcadoiro na leira oeste anexa, que disporá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcadoiro, pavimentarase con lastro o acceso. Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcadoiro e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para o peche do conxunto do pazo.
 
Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte. 
Entre as demais actuacións destacan a recuperación do antigo hórreo ou a limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrales e interiores. 
Ademais, prevese adecuar os 'parladoiros' do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area.
 
0
0
0
s2sdefault