Concello de Sanxenxo - SANXENXO PARTICIPARÁ NO II CONGRESO INTERNACIONAL DE BANDEIRA AZUL NO APARTADO DE XESTIÓN SUSTENTABLE DO MEDIO MARIÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, exporá a experiencia do municipio coa retirada das papeleiras das praias en 2019

Sanxenxo, 16 de agosto de 2024.- Sanxenxo volve participar por segundo ano consecutivo no "II Congreso Internacional Bandeira Azul: sustentabilidade, saúde e seguridade" no apartado de Xestión Sustentable do Medio Mariño. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, será o encargado de expor durante a xornada inaugural, o 22 de outubro, a experiencia do municipio coa retirada das papeleiras de todas as praias.

Unha medida que tomou o goberno no verán de 2019 xunto á eliminación das duchas nos areais como medidas de protección do medio mariño e aforro no consumo de auga. Como contrapartida colocáronse lavapés e illas de colectores nas saídas das praias para fomentar a reciclaxe e evitar que os desperdicios se esparcisen polos areais e acabasen no mar. "O balance...Non pode ser mellor, menos residuos no medio natural e unha maior concienciación de protexer o medio ambiente. A xente afíxose a levar unha bolsa para tirar os desperdicios e tirala ao saír da praia. Un pequeno xesto, pero unha gran axuda ao medio ambiente", asegura Juan Deza.

O "II Congreso Internacional Bandeira Azul: sustentabilidade, saúde e seguridade" que ADEAC coorganiza cos concellos de l'Alfàs do Pí (Alacante) e Gandía (Valencia), vaise a celebrar nas instalacións da Casa da Cultura de l'Alfàs do Pi os días 22 e 23 de outubro de 2024 e na Praia Nord de Gandía, o día 24 de outubro de 2024.

O obxectivo principal do congreso é compartir experiencias e exemplos dun turismo sustentable. En España, a colaboración de administracións locais, autonómicas e estatais co programa Bandeira Azul está a permitir alcanzar resultados moi positivos na imaxe de calidade, respecto e seguridade. Serán 41 entidades as que terán representación: 11 entidades públicas de ámbito estatal e autonómico, 11 municipios, 7 fundacións ou asociacións, 6 universidades e 6 empresas de diferentes sectores.

No congreso contarase coa participación directa de 48 persoas en representación de entidades públicas e privadas, das que 43 relatores (catedráticos, profesores, investigadores, alcaldes, concelleiros, técnicos, expertos) presentarán traballos relacionados con 4 bloques de contidos:

- Sustentabilidade: Xestión integral de dunas e pradarías de fanerógamas mariñas, e xestión sustentable do medio mariño.
- Saúde e accesibilidade en praias.
- Seguridade e Socorrismo.
- Educación Ambiental: Presentación de experiencias e exemplos prácticos de actividades

0
0
0
s2sdefault