Os nenos e nenas entregaron á edil de Educación, Nati Parada, a caixa para que a custodie mentres se decide a ubicación.
Sanxenxo, 9 de xaneiro de 2025.- Os nenos e nenas que asistiron estas vacacións de Nadal á ludoteca do colexio de O Cruceiro terán un recordo para sempre da actividade. Ao longo das vacacións realizaron distintas manualidades, gravaron vídeos… que agora xa forman parte dunha cápsula do tempo cuxa custodia encomendaron á concelleira de Educación, Nati Parada. A idea é deixala, polo menos durante vinte anos, nun lugar seguro para que non se deteñere e están a buscar ubicacións dentro do propio centro educativo. Na caixa hai pendrives, debuxos, fotografías e manualidades realizadas ao longo deste Nadal.
A concelleira Nati Parada desprazouse esta semana ao centro para recibir das mans dos pequenos a cápsula do tempo e coñecer o traballo realizado durante as festas de Nadal.
“Moitas grazas por confiarme un obxecto tan valioso para vós. Mentres non se atope ubicación segura, estade tranquilos que estará ben gardada”, díxolles. A edil propúxolles enterrala, unha vez ben illada, no centro educativo aproveitando a plantación de árbores que está previsto realizar.