O novo espazo de estancia conta con árbores, bancos e iluminación
Sanxenxo, 5 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo rematou o acondicionamento dos xardíns de Baltar anexos ao skatepark, gañando un novo espazo de estancia agradable con bancos e iluminación. O amplo parterre axardinado axuda a delimitar os espazos e embelece a entrada a Portonovo. Con esta intervención, intégrase a zona verde no espazo urbano e complétase o equipamento adxacente con sombra e área de descanso.
Ademais, mellórase a seguridade viaria coa extensión da masa arbórea á zona de estacionamento lindeira co parque. Este espazo urbano no que se actuou conta cunha superficie de 2.832 m² e forma parte dunha bolsa de solo público que alberga a maior concentración de instalacións deportivas municipais, como os dous campos de fútbol, a piscina e tamén o mercado ambulante. O seu bordo está definido polo parque de skate e os viais de tráfico rodado xunto coas bandas de estacionamento que, no seu conxunto, pechan a zona verde. Cabe lembrar que un total de 20 árbores foron trasplantadas na parte alta de Baltar, onde o ano pasado realizouse unha tala de piñeiros con risco de caída.
A actuación está financiada a cargo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través do Plan Nacional de Sustentabilidade Turística en Destinos Xacobeos 2021, no marco do "Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" (Financiado pola Unión Europea - Next Generation EU). Ten un custo de 47.574 euros.