O acceso a vivendas e garaxes estará garantido e habilítase un acceso alternativo polas rúas Ourense e Arturo Fontán
Sanxenxo, 21 de xaneiro de 2025.- Os traballos de excavación e a construción dos muros na obra de renaturalización e mellora de conexión de A Peixeira co Campo de San Roque obrigan a un corte prolongado de tráfico nun tramo da Avenida de Pontevedra. Por motivos de seguridade e ante o risco dalgún desprendemento, desde mañá, día 22, ata o 28 de febreiro, o vial permanecerá pechado para realizar o baleirado baixo rasante do vial e a posterior execución dos dous muros.
O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá a obra e comprobou o avance dos traballos, que se centraron ata agora na construción dos itinerarios peonís que garantirán a accesibilidade ao Campo de San Roque. Durante as excavacións, deixaranse libres as vías existentes de evacuación e separaranse as zonas de tránsito de operarios e maquinaria de obra. Quedará prohibida a permanencia de persoas dentro do radio de acción da maquinaria, que contará con avisadores acústicos e luminosos.
Ata que a reapertura sexa factible, o tramo de subida desde a rotonda da lonxa ata o miradoiro de A Peixeira será para uso exclusivo de garaxes e vivendas. Por outra banda, o acceso ao outro tramo da Avenida de Pontevedra, á altura da praia de Caneliñas, realizarase pola Rúa Arturo Fontán, que cambiará a súa dirección pasando a ser de baixada, mentres que a saída realizarase como ata o momento, pola Rúa Ourense. A parada de autobús escolar da Praza do Enxido trasládase á marquesiña da Rúa Areal, en fronte do mercado de abastos.
A actuación suporá un cambio significativo no espazo, que abrangue unha superficie total de 3.100 metros cadrados, e está incluída no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal a Deputación achegará o 80% do custo.