A idea é implantalo esta primavera para fomentar a mobilidade infantil para o alumnado que viva a menos de 2 quilómetros do centro.
Sanxenxo, 6 de febreiro de 2025.- A concelleira de Educación, Nati Parada, e o edil de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez, acompañados do policía local Abelardo Martínez, experto en seguridade viaria, presentaron esta mañá á ANPA de A Florida un plan piloto para habilitar esta primavera un camiño escolar seguro que permita ao alumnado acudir a pé ao centro educativo.
Tras un estudo das direccións das familias usuarias do colexio de A Florida, habilitáronse tres itinerarios que abarcan aproximadamente o 70% do alumnado que vive a menos de dous quilómetros do colexio e que, polo tanto, non dispoñen en moitos casos do servizo de autobús. O obxectivo é crear contornos escolares máis seguros e con menos vehículos particulares, así como facilitar a autonomía e favorecer a socialización.
Un dos itinerarios arrancaría no cruce entre a Rúa Ourense e a Rúa Progreso para continuar ata a marquesiña que se atopa ao final da rúa, que se habilitará como punto de encontro cos outros dous itinerarios. A partir de aí, continuaríase polas rúas Emilia Pardo Bazán, Poetas Galegos e Ricardo Santos.
O segundo itinerario sairá da Rúa Madrid, porta do Concello, para seguir por Viña da Fonte, Cesteiros e Progreso ata chegar ao punto de encontro.
O terceiro sairá de Carabuxeira número 60, continuará pola Avenida de León e concluirá na Rúa Progreso, no punto de encontro desde onde se partiría para o centro educativo.
O Concello prevé que, durante o inicio e a posta en marcha das rutas seguras, un axente da Policía Local os acompañe para que os menores aprendan por onde e como deben camiñar de forma segura ata o colexio. Ademais, habilitaranse “puntos de axuda” en establecementos comerciais que estean nos percorridos para que os escolares, se o necesitan, poidan acudir a pedir axuda.
A ANPA pediu que se estudase a posibilidade de habilitar outros itinerarios para completar o 30% da ratio de alumnado que quedaría por cubrir neste plan piloto.