Concello de Sanxenxo - A CONCELLERÍA DE EDUCACIÓN ACHEGA O BOSQUE ATLÁNTICO AO ALUMNADO DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O programa para dar a coñecer especies arbóreas orixinais das Rías Baixas arrancou esta mañá no colexio Cruceiro en Vilalonga

Sanxenxo, 12 de febreiro de 2025.- Co obxectivo de dar a coñecer a historia natural dos bosques das Rías Baixas e sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de recuperar un dos hábitats máis ricos do planeta, a Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, puxo en marcha en todos os centros educativos do municipio o programa “Bosque Atlántico”. A actividade comezou esta mañá no colexio de O Cruceiro cunha charla impartida por Marcos Guiadanes e, posteriormente, un xogo para fixar o aprendido. Unha dinámica que se repetirá no resto dos colexios do municipio cos alumnos de 6º de Primaria.

O obxectivo é conseguir unha aproximación dos nenos e nenas á natureza desenvolvendo actividades lúdicas e amenas que dean a coñecer a historia das Rías Baixas a través de 25 especies autóctonas, cos valores e singularidades de cada unha delas como elementos fundamentais do ecosistema orixinal.
"Como é sabido, coidamos e apreciamos o que recoñecemos como propio e con estas actividades búscase crear un efecto dominó para que os veciños estean sensibilizados na recuperación do lendario bosque galego", asegura Guiadanes.

Durante a actividade desta mañá, realizouse unha introdución ao problema ambiental coa presentación de diapositivas de 25 árbores autóctonas, con mostras de follas, froitos, flores, sementes, cortizas… Tras esta charla, cun gran taboleiro de 2x3 despregable sobre o chan, cun deseño similar ao xogo da oca e un dado grande de escuma, iniciouse un xogo con preguntas sobre o bosque atlántico que o alumnado debía acertar. O alumnado repartiuse en equipos para avanzar segundo os acertos polo taboleiro.
"Queremos que as novas xeracións que coidarán dos nosos montes sexan coñecedoras da nosa riqueza ambiental e valor paisaxístico. Con este programa achegamos unha formación de xeito lúdico e divertido", asegura Nati Parada.

0
0
0
s2sdefault