Os contadores intelixentes supoñen un investimento de 936.540 euros que a concesionaria debe asumir durante o contrato
Sanxenxo, 17 de febreiro de 2025.- Ao longo de 2025, a concesionaria Espina y Delfín levará a cabo a renovación do parque de contadores de auga de Sanxenxo, tal e como se recolle no contrato asinado en 2023 no apartado de investimentos obrigatorios. En total, prevese o cambio de 14.000 dispositivos por uns intelixentes que permitirán alertar dunha fuga de auga ou dunha avaría nun máximo de 48 horas.
O investimento ascende a 936.540 euros, asumidos pola empresa concesionaria dentro das 80 actuacións previstas durante a vixencia do acordo. A concelleira de Economía e Facenda, Paula Martínez, e o edil de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, mantiveron un encontro co director de Servizos de Augas de Espina y Delfín, Juan Somoza, para coñecer os novos dispositivos e as vantaxes para os usuarios.
A colocación destes novos dispositivos dixitais comezará nos próximos días nos 133 edificios municipais e, a continuación, continuará polas vivendas, prevéndose que estea concluída antes de que remate o ano. A lectura, que se realizará cada 24 horas, poderá ser consultada polo abonado nunha plataforma que se está a deseñar e que permitirá coñecer o consumo. Pero a maior vantaxe é a alerta ante unha posible fuga ou avaría, tendo en conta o patrón de consumo do usuario, o que permitiría avisalo de forma case automática. O novo sistema permite incluso personalizar as alertas por usuario, en caso de persoas maiores que vivan soas ou en vivendas nas que non residan durante todo o ano.
Con esta implantación, Sanxenxo converterase nun dos 13 municipios de Galicia cun 100 % do parque de contadores de auga intelixente. Estes novos contadores permitirán medir, rexistrar e transmitir automaticamente o consumo de auga en tempo real, facilitando unha xestión máis eficiente, sostible e precisa dos recursos hídricos.