Concello de Sanxenxo - A MESA LOCAL DE COMERCIO DÁ LUZ VERDE Á FEIRA DE OPORTUNIDADES NA PRAZA DOS BARCOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril coa presenza de máis dunha trintena de comercios

Sanxenxo, 10 de marzo de 2025.- Sanxenxo acolleu a última hora desta mañá a Mesa Local de Comercio, presidida pola concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, na que tamén participou a subdirectora Xeral de Comercio, Marta López Quintas, que o fixo a través de videoconferencia; o concelleiro de Turismo, Juan Deza; e os representantes dos mercados de abastos de Sanxenxo e Portonovo, Egidio Barral Castro e Loli Pérez Alarcón, así como de Entretendas CCU, Conchi Horro.

Durante a sesión deuse luz verde á Feira de Oportunidades promovida por Entretendas CCU en colaboración co Concello. A cita terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril, coincidindo coa Semana Santa, e contará con máis dunha trintena de comercios de distintos sectores, desde roupa, calzado, alimentación e complementos. A feira é xa un clásico na programación de actividades de Entretendas e este ano contará con máis expositores que en edicións anteriores, con descontos de ata o 70%. “Tivemos unha gran demanda de espazo por parte dos comercios para participar na feira”, asegura Conchi Horro, xerente de Entretendas. A feira recupera o formato estilo jaima que se estenderá pola Praza e Paseo dos Barcos.

Na mesa tamén se deu conta das actividades realizadas polo comercio ata agora, así como das campañas previstas como a do Día do Pai, o Día da Nai, a Volta ao Cole, vídeos promocionais cos socios, así como cursos de formación para asociados a Entretendas. Unha memoria de actividades que ten como obxectivo “lograr unha incentivación da demanda comercial con novas fórmulas de distribución comercial da pequena empresa e promocionando o comercio retallista”.

0
0
0
s2sdefault