O prezo de licitación por un ano é de 10.000 euros, pero con posibilidade de prórroga ata 2032.
Sanxenxo, 13 de marzo de 2025.- Turismo de Sanxenxo acaba de sacar a licitación o parque acuático de Baltar cunha zona de xogo na lámina de auga de como mínimo 1.200 metros cadrados, é dicir, o dobre de espazo que ata agora. O prezo de licitación por un ano é de 10.000 euros, coa posibilidade de prórroga ata 2032.
O prego de condicións establece que será unha plataforma acuática, inchable, de material brando, acolchado e antiescorregadizo, flotante na lámina de auga e fondeada na plataforma mariña. Contará con diversas atraccións, tales como tobogáns, pontes, colinas, rampas deslizantes, estanques, saltos de lonxitude, saltos de altura, pódiums, pistas deslizantes, trampolíns, táboas deslizantes, curvas deslizantes, rocódromos, balancíns ou camas elásticas, a libre elección e disposición por parte do licitador, quen deberá describir minuciosamente estes elementos na memoria técnica. Ademais, deberá manterse en perfectas condicións de uso e conservación.
Os licitadores tamén deberán instalar e manter diariamente un campo de vólei praia e outro de mini fútbol praia de acceso libre que dará servizo ao areal. O terreo da cancha de vólei praia terá 16 x 8 metros de ancho, delimitado por unhas cintas de 5 a 8 centímetros de ancho, de cor contrastada coa area, elaboradas con material elástico, flexible, resistente e sen bordes cortantes, e ancoradas nas esquinas con fixacións a unha profundidade mínima de 25 centímetros.
O minicampo de fútbol terá unha dimensión de 16 metros de longo por 8 metros de ancho, delimitado por cintas azuis de 8 a 10 centímetros de ancho, tamén de material elástico, flexible, resistente e sen bordes cortantes, e ancoradas de igual maneira. En cada esquina do campo de xogo colocarase un poste con bandeira vermella de material plástico.
Para a actividade do parque acuático flotante establécese a tempada de praias para a realización das actividades propias do servizo de xogos náuticos: parque acuático flotante desde o 15 de maio ata o 30 de setembro, ambos incluídos. Por tanto, a partir da data 15 de maio (ou desde a data de sinatura do contrato, se se realizase con posterioridade) poderán instalarse a totalidade dos elementos recollidos no presente prego, sendo obrigatorio que a actividade estea montada nun período mínimo comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto.