Concello de Sanxenxo - CONCELLO E PERSOAL SANITARIO CREAN A PRIMEIRA COMISIÓN POLA SAÚDE EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 19 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo, a través de Servizos Sociais, e o persoal sanitario dos centros de saúde de Baltar e Vilalonga crean a primeira comisión pola saúde en Sanxenxo. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da poboación do municipio a través de accións comunitarias, compartindo sinerxías e recursos municipais e sanitarios. “Trátase de unir e coordinar esforzos cunha posta en común entre ambas administracións na que gañe a saúde dos nosos veciños e veciñas de todas as idades”, explica Paz Lago, concelleira de Servizos Sociais.

Lago expuxo, durante a primeira reunión da comisión, os programas que se están desenvolvendo en Sanxenxo, así como as instalacións e recursos naturais dispoñibles. Todo queda recollido nun documento vivo a disposición da comisión, que se irá enriquecendo con distintas propostas e campañas que se acorden nas reunións. O Taller de Memoria, a Educación Física para Maiores, a Unidade de Atención Temperá ou os programas Exploramentes e Coidándote para Coidar, o Ciclo Muller, así como as rutas e parques biosaludables, entre outros, son unha pequena mostra dos programas e actividades que se desenvolven no municipio destinados ao coidado da poboación.

Pola súa banda, o persoal sanitario deu conta das campañas en marcha, así como dos programas de seguimento e controis de saúde. A idea é dar a coñecer á poboación as distintas iniciativas tanto municipais como do Sergas para promover unha vida saudable e activa.

Tras esta primeira reunión, acordouse abrir unha fase de consulta de necesidades dos distintos segmentos da poboación a través dunha estratexia integral que abarcaría diferentes sectores como os centros educativos e colectivos. Tamén se propuxo a posibilidade de engadir ao Ciclo Muller unha charla sobre postmenopausa e exercicios físicos recomendados.

0
0
0
s2sdefault