As inversións previstas en 2025 ascenden a 19,7 M€, das cales o 80% proceden doutras administracións.
Sanxenxo, 20 de marzo de 2024.- O goberno convocou hoxe a Comisión de Facenda para o vindeiro día 24 e levará ao Pleno ordinario, o luns 31 de marzo, a aprobación dun orzamento de 41.056.869 € que se distribúen da seguinte maneira:
• Entidade Local: 33.778.208 €
• Organismo Autónomo Terra: 9.320.610 €
• Turismo de Sanxenxo: 1.862.800 €
• Nauta: 2.631.850 €
• Ínsula: 2.324.065 €
Suma total: 49.917.533 €
Eliminacións internas: 8.860.664 €
TOTAL ORZAMENTO: 41.056.869 €
En 2025, Sanxenxo beneficiaráse de 19,7 M€ en investimentos, sendo que, un ano máis, a maior parte, o 80%, procederá de fondos europeos e doutras administracións. Por outra banda, o gasto social consolidado ascende a 9,3 M€, fronte aos 7,7 M€ do ano pasado.
O gasto social, a diferenza das inversións que poden diminuír ou crecer segundo o ano e as achegas propias e doutras administracións, depende de custos que nunca baixan, como a prestación de servizos, o mantemento de equipamentos e o persoal. Sanxenxo é un referente pola súa política social, cun gasto por habitante dos máis altos de Galicia. En 2025 volverá a aumentar, xa que o orzamento prevé ampliar o número de familias ás que atenderá o Servizo de Atención no Fogar (SAF), cun incremento do gasto de 802.000 € máis que en 2024.
Por outra banda, en 2024, o Concello tivo que pagar, dunha soa vez, 9,8 M€ pola expropiación da zona verde e o vial de As Cunchas. A posibilidade de que a xustiza denegase o pago fraccionado en varias anualidades, como finalmente ocorreu, xa estaba contemplada no orzamento.
O Concello, que ata ese momento tiña débeda 0, tivo que solicitar un crédito de 7 M€ para afrontar o pago. En consecuencia, a liquidación do orzamento de 2024 amosou, por un lado, un remanente de tesourería de 1,6 M€, e, por outro, un déficit puntual equivalente ao crédito solicitado. Con todo, esta situación non afectará á calidade dos servizos nin ás inversións, xa que se trata dunha causa excepcional e conxuntural que non require medidas de axuste.