A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantivo un encontro esta mañá coa coordinadora do servizo, Eva Picallo
Sanxenxo, 24 de marzo de 2025. – A Unidade de Atención Temperá atendeu a 144 familias en Sanxenxo durante 2024, o que supón un incremento do 30% respecto a 2023. O servizo, dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, cumpre o seu segundo ano dando cobertura á poboación de 0 a 6 anos. A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, mantivo un encontro esta mañá coa coordinadora da UDIAF, Eva Picallo, na sede do servizo situada en Vilalonga.
Na memoria da actividade realizada durante 2024 reflíctese, como un dos puntos importantes do traballo da UDIAF, a coordinación e colaboración cos profesionais doutros servizos que atenden aos nenos e nenas que acoden á unidade. Dos problemas ou dificultades detectados no desenvolvemento infantil durante 2024, un 30% eran de tipo sindrómico ou evolutivo; un 26% referíase á linguaxe ou á fala; un 17% á conduta e á atención. Ademais, tamén se atenderon problemas de hábitos, de ámbito emocional, motriz, sensorial e cognitivo. En total, na atención das 144 familias realizáronse 4.087 prestacións de apoio personalizado cunha media de idade de 3,1 anos. O servizo rexistra nestes momentos unha lista de espera de 35 familias.
“É un servizo moi necesario e que funciona moi ben, pero temos que traballar para seguir dando cobertura a estas familias con nenos e nenas que precisan reforzo dos 6 anos en diante cunha atención postemperá e ter lista de agarda cero”, explica Lago.
Desde Sanxenxo atiéndese a zona sur da comarca do Salnés, pero a maior parte das familias atendidas en 2024 eran de Sanxenxo (33,8%), Cambados (19,3%), O Grove (16,9%), Meis (10,8%) e Ribadumia (8,4%). En canto á satisfacción do servizo, totalmente gratuíto, nas enquisas cubertas de forma anónima polas familias, a nota global sobre 5 é de 4,89 en base a parámetros como instalacións, accesibilidade, acollida, dispoñibilidade, coordinación e confianza, entre outros. Na actualidade, o equipo está formado por 2 psicomotricistas, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.