A proba promocionarase desde mañá na feira da carreira da Media Maratón de Madrid.
Sanxenxo, 2 de abril de 2025.- A Media Maratón Entre Rías estará este ano homologada pola Real Federación Española de Atletismo. Os concellos organizadores da proba, Sanxenxo e O Grove, solicitaron á RFEA a medición do percorrido para obter un certificado oficial que determine a distancia exacta de 21.097 metros. Isto é fundamental para os corredores, xa que lles permitirá puntuar en campionatos, clasificar por marca ou certificar récords e tempos persoais.
Desde a apertura de inscricións o pasado novembro, tanto a media maratón como a 10K contan xa con 1.400 participantes.
O sábado, 17 de maio, celebraranse no Paseo Marítimo do Grove as carreiras infantís de carácter gratuíto para os participantes de entre 0 e 13 anos a partir das 17:00 horas.
O domingo, 18 de maio, terá lugar a Media Maratón, que sairá ás 10:00 horas desde o Porto do Grove, e unha hora e media despois, ás 11:30 horas, a 10K, que partirá desde a Ermida da Lanzada, lugar desde o cal tamén iniciarán a carreira aqueles que participen na modalidade de relevos da Media Maratón.
A proba deportiva estará estes días promocionándose en Madrid na feira do corredor celebrada na sede de Movistar previa á Media Maratón de Madrid, pola que está previsto que pasen máis de 30.000 persoas. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, desprazarase ata a cita, onde Entre Rías contará cun stand propio e onde se realizará un desconto do 10% a todas as persoas que se inscriban. Ademais, sortearanse 6 noites de hotel en Sanxenxo e O Grove.