A travesía a nado disputarase o sábado 6 de setembro con 120 participantes.
Este ano celebrarase unha proba especial con motivo do 10º aniversario co mesmo percorrido co que se iniciou este reto atlántico en 2015.
Sanxenxo, 3 de abril de 2025. A proba de natación A Triple Coroa Illas Atlánticas abrirá mañá venres as inscricións da travesía a nado entre a illa de Ons e Sanxenxo, de 13 km, que terá lugar o sábado 6 de setembro en augas da ría de Pontevedra. Este ano celebrarase unha edición especial con motivo do 10º aniversario coa disputa da mesma travesía coa que arrancou este reto atlántico en 2015.
As inscricións comezarán mañá venres, ás 10:00 horas, para os nadadores que completaron dúas e tres edicións da Triple Coroa Illas Atlánticas entre 2015 e 2024. A partir do 9 de abril, ás 12:00 horas, as inscricións estarán abertas para os nadadores que completaron unha edición. O último prazo comezará o 16 de abril, a partir das 10:00 horas, para o resto de nadadores ata completar as 120 prazas. As inscricións poderanse formalizar a través da páxina web www.championchipnorte.com e a información da proba está dispoñible en www.triplecoronaillasatlanticas.com.
A proba de natación, organizada por Atlantic Extreme Sports conxuntamente co Concello de Sanxenxo, sairá desde a praia de Area dos Cans na illa de Ons ata chegar á praia de Silgar, en Sanxenxo, onde estará situada a meta. Espérase que á cita acudan os gañadores das tres edicións disputadas entre 2015-2017, 2018-2021 e 2022-2024.
Percorridos infantís gratuítos
Este ano, como novidade, organizaranse dúas probas infantís gratuítas de 50 e 150 metros na praia de Silgar, o 6 de setembro.
A proba de 50 metros está dirixida a nenos de entre 5 e 8 anos e a de 150 metros a nenos entre 9 e 13 anos. As inscricións poderanse realizar a partir de mañá venres ata o 25 de agosto na páxina web www.championchipnorte.com.
Dispositivo de seguridade
Durante a travesía despregarase un amplo dispositivo de seguridade na ría de Pontevedra. A proba de natación conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Sanxenxo, Deputación de Pontevedra-Turismo Rías Baixas, Abanca, Froiz, Conservas Ignacio González Montes, Naviera Pirata de Nabia, Zoggs e Gadis. Ademais, colaboran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Club Náutico de Portonovo, Club de Piragüismo de Portonovo, Gardacostas de Galicia, Coca-Cola, Real Club Náutico de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Emerxencias de Sanxenxo, Asociación Vodea, Agama, Paddle Surf Sanxenxo, Anfaco-Cecopesca, McDonald’s Rías Baixas, Torre de Núñez, Adegas Val Miñor, Iberia e Ángel Leirós Motos, entre outros.
Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e Sanxenxo como destinos turísticos e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España.
O perfil medio do participante é o dun deportista experimentado, afeito a nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km) e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes en cada travesía.
A inscrición inclúe:
✔ Participación na travesía
✔ Traslado en barco desde Sanxenxo á illa de Ons
✔ Camiseta conmemorativa, gorro e bolsa
✔ Regalos
✔ Cronometraxe electrónica por chip
✔ Seguimento por GPS de cada nadador
✔ Avituallamento sólido e líquido durante e despois da proba
✔ Seguro de responsabilidade civil e de accidentes
✔ Atención médica
✔ Agasallo conmemorativo para os nadadores que logren finalizar a travesía
✔ Apoio con embarcacións e kayaks
✔ Balizado
✔ Premios para os tres primeiros clasificados absolutos e sen neopreno en categoría masculina e feminina
Ademais, entregaranse trofeos ao equipo con maior número de nadadores que logren finalizar a proba e un premio especial 10º aniversario.