Ao longo da mañá atendéronse máis de 25 persoas que se achegaron para realizar os trámites de obtención da documentación
Sanxenxo, 7 de abril de 2025.– Dende Sanxenxo a Policía Nacional expediu hoxe os primeiros DNI e pasaportes a través da súa oficina móbil de documentación, que permitiu obter ambos documentos identificativos en menos de 15 minutos. A concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, visitou a primeira hora a instalación acompañada do inspector xefe, Esteban Pinilla, para saudar ao equipo desprazado e aos primeiros usuarios do servizo. O furgón situouse nas proximidades da oficina de información turística de Baltar.
Pinilla explicou que se trata do cuarto concello no que se implanta con éxito e que nos próximos días se desprazarán a Cambados, Ponte Caldelas, Caldas de Reis e A Estrada, dentro desta primeira fase do proxecto.
“É un servizo cómodo e áxil que facilita os trámites aos nosos veciños. Foi unha iniciativa moi ben acollida dende que se anunciou, con todos os tramos horarios reservados”, asegura Martínez.
Os vehículos dispoñen das mesmas funcionalidades que as unidades de documentación, polo que expiden a documentación nun só acto. Ao mesmo tempo, é posible actualizar os certificados dixitais do DNI. En cada visita atenderase a un máximo de 40 persoas, dado que o tempo medio de atención por persoa estímase en 12 minutos.
A intención é que esta oficina poida estar no municipio dous días ao mes. Próximamente anunciarase unha nova visita da oficina, en horario de 9 a 14 horas. As persoas interesadas poden reservar cita previa chamando ao teléfono da Policía Local de Sanxenxo.